A Coruña prepárase para acoller dúas xornadas de máxima emoción. A cidade herculina será un ano máis a sede das derradeiras probas de varios campionatos de tríatlon de máximo nivel nacional. Trátase da Copa do Mundo de Paratríatlon e os Campionatos de España por Clubs, por Remudas Mixtas e por Remudas Mixtas de Talentos.
As probas disputaranse na contorna do Parrote o sábado e o domingo. A primeira das probas será da categoría Pho3nix Kids Triathlon Series by Javier Gómez Noya, o sábado ás 12.00 horas, coa participación de numerosos nenos e nenas da cidade, que quixeron iniciarse nesta disciplina.
A partir das 16.00 horas será a quenda das probas dos campionatos nacionais, mentres que o domingo a partir das 9.00 horas comezará a Copa do Mundo de Paratríatlon, que será seguida dos campionatos de España por Remudas Mixtas, tanto en categoría absoluta como de talentos. A entrega de premios está prevista para as 14.30 horas.
Este final de temporada está a ser moi disputado, xa que entre os dous primeiros clasificados da máxima categoría feminina. Hai só oito puntos de diferenza.
Trátase do Cidade de Lugo Fluvial e do Náutico de Narón, entre os que só hai oito puntos de diferenza. Na categoría masculina o título tamén está entre outros dous equipos que se atopan a esa mesma distancia: o Cidade de Lugo Fluvial e o Diablillos de Rivas.
O Goberno municipal de Inés Rey continúa a apostar polas grandes probas deportivas e eventos que poñan A Coruña no mapa a nivel nacional e internacional.
Está prevista a chegada á cidade estes días duns arredor de 1.800 visitantes asociados a esta competición, que será retransmitida en directo por Internet.
Ademais, asistirá á proba Marisol Casado, presidenta da Federación Internacional de Tríatlon e membro do Comité Olímpico Internacional.