Non é a primeira vez que unha lesión afasta o camiño de Miguel Loureiro Ameijenda (Cerceda, 1996) do Deportivo. Na súa etapa como infantil, un grave problema no nocello impediulle continuar na canteira do club coruñés, e agora, tras ser o ‘MVP’ da primeira xornada co Huesca, unha lesión no xeonllo faralle perderse o encontro do venres no Alcoraz (21.30 horas) contra o conxunto de Imanol Idiakez. “É un partido sempre especial e dá máis rabia perdelo”, apunta o lateral dereito. Vital no Huesca desde a súa chegada no verán de 2023, Loureiro marcou a pasada fin de semana o gol da vitoria contra o Elche no minuto 87 e fíxoo curiosamente co xeonllo dereito, o que minutos antes sufrira unha lesión de grao 2 no ligamento colateral medial. Unha mostra do compromiso dun futbolista que, tras ser formado na canteira do Bergantiños e militar noutros clubs galegos como Pontevedra, Racing de Ferrol e Lugo, consolidouse en Segunda División.
Victoria con sabor agridoce: gol e lesión.
Estou amolado e triste porque é un partido (contra o Dépor) que sempre gusta xogar. Tiven mala sorte. No campo sabía que tiña algo. Estaba máis preocupado do que saíu finalmente na resonancia. Foi unha mestura de sensacións por marcar pero sen moito ánimo para celebralo.
Marcou o gol do collo.
Si. A lesión foi nun xogada cinco minutos antes. Un forcexo, un mal apoio, piso o balón, desequilíbrome, piso co xeonllo, vaise cara a dentro e xa notei no momento que non estaba ben. Podía apoiar, pero tiña bastante inestabilidade. Non quedaban cambios, o partido estaba apertado e había que seguir no campo. E tiven a sorte de marcar nesa acción a balón parado e despois aguantar ata o final como puiden.
Practicamente non se meten goles co xeonllo e xusto fun a marcar co xeonllo lesionado
Xusto o gol foi co xeonllo lesionado, unha coincidencia extrañísima.
Si, si, falábao cos compañeiros que isto do fútbol é incrible. Practicamente non se meten goles co xeonllo e xusto fun a marcar co xeonllo lesionado. A balón parado somos perigosos, é un aspecto que traballamos bastante, e Óscar (Sielva) é un lanzador incrible. O balón viña moi tenso. Non contaba con que o balón me chegase a esa altura, encóllome como un acto reflexo e fago o xesto de rematar, pero xusto deille co xeonllo.
Desde a súa chegada ao Huesca foi un futbolista importante no equipo.
Desde que cheguei aquí atopábame nun bo momento de forma, con confianza e asentado na categoría. Ademais, chegaba a un sitio ideal para xogar ao fútbol. Pensaba que era unha gran oportunidade para crecer e estou moi contento. Sempre estiven moi valorado polos compañeiros e os afeccionados.
Ademais, desde a chegada de Antonio Hidalgo o Huesca é unha roca en defensa.
Si, somos un bloque moi forte defensivamente, é o aspecto principal do equipo. Facémoslle os partidos moi incómodos ao rival. Todo o bloque ten moita capacidade de sacrificio e tamén é algo que traballamos. Facemos moito traballo de xuntarnos, de saber sufrir e de pechar espazos en todo o campo. É algo que nos está permitindo sacar resultados e conseguir obxectivos.
Como se atopa como central nunha liña de cinco?
Non é algo que fixese con recorrencia, pero noutras etapas formativas si que me tocou participar aí, e xa no Lugo tamén actuei de central en liña de cinco. O míster aquí ten esa facilidade para adaptarse aos perfís dos futbolistas e cun perfil tan determinado como é Gerard Valentín e coas miñas características defensivas, ao equipo vénlle ben este sistema. Xa o levamos facendo desde a tempada pasada. Estou contento e trato de adaptarme á posición para mellorar cada día máis.
A lesión impídeche xogar contra o Dépor. Amólalle de forma especial non xogar este partido?
Si, por suposto. Sempre é unha semana especial cando xogas contra un equipo galego. A miña familia e amigos son de Cerceda, de Coruña… Os meus amigos viven o Dépor, sofren co Dépor e é unha semana na que che escribe moita xente. É un partido sempre especial e dá máis rabia perdelo, aínda que sempre doe estar lesionado. Por sorte non estou moi afeito a iso.
Espero poder estar no partido de volta en Riazor
Como se toman a súa ausencia no partido a súa familia e amigos?
Non diría que están tristes, pero é un partido que á familia e aos amigos gustaríalle que xogase porque verme no campo contra o Dépor sempre é especial. Para eles tamén é un orgullo. Séntense representados por min dalgun xeito ao verme no campo diante do Deportivo. Mandáronme mensaxes de ánimo e algún sempre con algunha broma dicíndome que estaban tristes por min, pero tamén contentos por que non poida xogar. O típico. Espero poder estar no partido de volta en Riazor.
Como ves ao Dépor esta tempada?
Sigo ao Dépor e son un gran seguidor da Segunda División porque xa van algúns anos competindo nela. Todos os anos é unha categoría moi igualada, pero, tanto polos equipos que baixaron de Primeira, polos orzamentos, polos equipos que subiron, polo nivel de masa social e esixencia, este ano é aínda máis competitivo. Penso que o Dépor ten un plantel moi bo. É un equipo grande da categoría que ten capacidade para atraer futbolistas bos da categoría e asinar aos mellores. Evidentemente hai xogadores que veñen de Primera Federación que seguramente necesiten algún tempo de adaptación, pero a maioría son xogadores con continuidade no Dépor. Penso que se van a adaptar á categoría e van dar un bo nivel, aínda que é moi pronto para valorar todo.
Os que máis van chamar a atención por ser xogadores diferentes son Mella e Yeremay
Que xogadores destacaría do Deportivo?
Os que todos sabemos. A tempada pasada, na convocatoria da selección galega, tiven a oportunidade de estar con Lucas, Villares e Luis Chacón. A Luis xa o coñecía, a Lucas evidentemente tamén e Villares sorprendeume moi positivamente. Creo que vai ser moi importante no Dépor este ano. De Luis Chacón tamén espero que poida ter oportunidades para aportar ao equipo, a Hugo Rama tamén o coñezo, e despois quizá os que máis van chamar a atención pola espectacularidade e por ser xogadores diferentes son Mella e Yeremay.
Todo ese arsenal do Dépor contra o muro do Huesca.
Espero que lle custe ao Dépor, iso trataremos. A nosa principal virtude é o traballo defensivo. Tamén queremos crecer con balón e niso estamos. Temos que crecer a partir de encaixar pouco e sobre todo aquí, na nosa casa. É unha materia pendente do ano pasado, o facerse fortes no Alcoraz. Comezar cunha vitoria contra o Dépor sería un bo punto de partida.
Nunca volvín ter a oportunidade de estar no Deportivo, pero estou contento aquí
Houbo algunha oportunidade de asinar polo Dépor xa como sénior?
Tiven a oportunidade de estar na canteira do Dépor hai moitos anos. Desgraciadamente por unha lesión de longa duración tiven que tomar outro camiño. O mundo do fútbol é complicado e caprichoso. Nunca volvín ter a oportunidade de estar no Deportivo, pero estou contento aquí. A pesar de ir por outros camiños, agora estou no mellor momento futbolístico da miña carreira. Estou contento por como se me deron as cousas e valoro o traballo feito con anterioridade para chegar ata aquí e ter continuidade no fútbol profesional.
Gustaríalle xogar no Deportivo nalgún momento da súa carreira?
Sempre hai un cariño especial polos equipos da terra. É algo que non sei se se poderá dar no futuro. Eu son galego, de Coruña, e é evidente que o Deportivo é un equipo importante para Galicia e tamén no fútbol profesional a nivel español. Nunca se sabe o que pode pasar, xa sabemos todos o fútbol como é. Pero na miña cabeza non está iso. Son xogador do Huesca e estou moi contento aquí.
Estou no mellor momento futbolístico da miña carreira
Ata chegar ao Huesca a súa traxectoria foi unha carreira de fondo por asentarse no fútbol profesional.
Si, tamén faiche valorar a situación que teño agora mesmo. Quizais me chegou bastante novo a oportunidade en Segunda División. Tiven eses dous anos en Córdoba sen tanta confianza nin tantas oportunidades. Tocoume dar un paso atrás e, a partir de aí, tentar mellorar para estar preparado para cando che volva a chegar a oportunidade. Creo que os anos de Andorra e do Racing de Ferrol foron moi importantes para min a nivel persoal para coller confianza e sentirme preparado para esa oportunidade. E o ano do Lugo collín a Segunda División con máis confianza en min mesmo, máis consciente de onde estaba e por que estaba aí. E iso axuda a dar un mellor rendemento. Agora estou asentado na categoría, síntome futbolista da categoría e iso é moi importante. Cando ti estás nun sitio e sabes que mereces estar aí, eres capaz de dar unha mellor versión. Espero seguir crecendo dentro do fútbol profesional e nese camiño estou.
“Só quería volver xogar no patio”. Así resume Loureiro o calvario por unha lesión de nocello que lle fixo saír do Dépor en idade infantil e cambioulle a súa visión do fútbol.
Onde comeza a historia do Miguel Loureiro futbolista?
Empecei con catro aniños nas Escolas Luis Calvo Sanz. O meu pai xogou ao fútbol no Bergantiños, no Órdenes e no Cerceda e desde pequeno na nosa casa vivíase moito o fútbol e de aí vénme esa inspiración. Cando acabei a etapa no Luis Calvo Sanz é cando me asina o Deportivo. Estiven dous anos (en idade infantil), pero xoguei moi poucos partidos porque empecei con problemas no nocello e foi algo que non me permitiu nin adestrar. Estiven dous anos alí, pero podendo participar moi pouco. Despois estiven un ano sen equipo, tívenme que operar do nocello e despois volvín ao Bergantiños en División de Honor Cadete. Aí tiven a sorte de xogar co primeiro equipo en Preferente e ascender a Tercera División con Javi Lavandeira como adestrador. Despois chegoume a oportunidade de fichar polo Celta en División de Honor Xuvenil e, a partir de aí, xa o Pontevedra, o Córdoba e o demais.
Como foron eses inicios no fútbol para a súa familia?
Desde pequeno era unha pouco tolemia. Ademais do restaurante de casa (Casa Loureiro, en A Abeleira), o meu pai ten o seu traballo. Traballaba os sábados e entón era un pouco complicado. Encima, cando es pequeno, fas máis cousas que fútbol: atletismo, natación… Era un pouco caos, unha pouco tolemia e toda a fin de semana dun lado para outro. Estou moi agradecido aos meus pais porque desde o principio fixeron moitos esforzos para que eu puidese desfrutar do fútbol. Agora, desde a distancia, eles desfrutan vendo que son feliz e vendo que se cumpriu ese soño que tiña desde pequeno dalgún día xogar no fútbol profesional.
Despois de tres anos sen poder tocar unha pelota, cando te recuperas o único que pensas é en desfrutar
Cando se deu conta de que podía facer carreira no fútbol?
Cando es pequeno tes esa ilusión. Non pensas demasiado niso, pero firmas polo Deportivo e podes pensar que pode pasar. Pero despois da lesión en ningún momento pásaseme pola cabeza. Simplemente quería volver xogar no patio do colexio e non estaba a pensar en nada máis. Iso axudoume a tomar o fútbol doutra maneira, a desfrutalo, en vez de vivilo como algo tan esixente. Mesmo cando me chega a oportunidade do Córdoba, para min era totalmente inesperado. En Córdoba véxome rodeado de xente que antes vía pola televisión e chegas a ter esa síndrome do impostor: ‘Eu merezo estar aquí? Esa sensación que tes cando che chega algo inesperado. Xa che digo, despois da lesión, o fútbol profesional non era algo no que puxese o foco.
A lesión axudoulle entón a vivir o fútbol sen urxencia ou ansiedade?
Nunca o vivín desa forma. De pequeno desfrutas xogando. Tes ilusión, pero non tes esas aspiracións. Pero cando che pasa algo como a miña lesión, ves desde fóra que compañeiros que estaban comigo chegan ao fútbol profesional. Desde fóra sentes orgullo por eles e dis ‘por que eu non podería ser un deles?’ Pero iso axudóume a entender que as cousas pasan por algo e tentei desfrutalo. Despois de tres anos sen poder tocar unha pelota ou sen xogar no patio, cando te recuperas o único que pensas é en desfrutar diso e nada máis.