O pasado sábado, 16 de marzo, o campo Arsenio Iglesias da Coruña foi testemuña da vitoria da quinta Liga consecutiva de Fillos da Breogán na final galega masculina, disputada ante Estrela Vermelha.
Os coruñeses venceron por 44-14 e igualaron os cinco títulos ligueiros dos composteláns. O partido foi emitido en directo pola TVG e en diferido pola G2.
Tras o encontro, Carlos Seco, xogador do Fillos de Breogán, indicou que “as claves da final estiveron na gran defensa que logramos facer e nas transicións rápidas en ataque coas que logramos anotar 10 goles no partido”.
Tamén quixo dar “os parabéns a Estrela Vermelha por chegar á final e pola gran tempada, así como a todos os equipos polo seu gran labor e esforzo durante todo o ano”.
Pendente de xogar queda o terceiro e cuarto posto entre Keltoi e Auriense, que disputarase o vindeiro 6 abril en Vigo, coincidindo co torneo Reconquista que organizan os olívicos.
En categoría feminina, Auriense sumou a primeira Liga ás súas vitrinas (exceptuando a competición de 2020 na que competiron varios combinados) vencendo 30-20 no campo da universidade de Ourense a Turonia, que defendían título.
As ourensás remataron a Liga cun total de 8 vitorias e 2 derrotas no global da tempada e tras lograr o título da competición regular, o seu adestrador, Santiago Devesa destacou que "podería falar tan só do partido de hoxe e dicir simplemente que gañamos porque fomos superiores, pero sería inxusto reducilo todo a iso”.
“A vitoria de hoxe é o broche final a todo o traballo e o esforzo desde a pretemporada. A realidade é que, desde os primeiros compases da Liga ata hoxe, as xogadoras deixáronse a pel en cada adestramento e en cada partido”, engadiu.
Devesa tamén quixo destacar o “compromiso, motivación, ilusión, gañas de facer as cousas ben son os motivos polos que hoxe somos campioas de Liga. Pola miña banda, non podo estar máis orgulloso de cada unha de elas e do gran grupo que formaron”.
No resto de encontros, Fillas de Breogán impuxéronse a Estrela Vermelha por 27-14 e Grovias gañou a Independiente 26-15.
Así, Auriense, Estrela Vermelha e Turonia clasificáronse para a final Ibérico Senior, pendente aínda do encontro aprazado entre Turonia-Estrela para decidir quen queda no segundo e no terceiro posto. Ademais, Fillas acudirá ao Ibérico Shield como cuarta clasificada.
Próximas citas de clubs:
Copa galega (masculino e feminino): 13 abril en Boiro.
Final Liga Shield (masculino): 20 abril, sede por decidir.
Final ibérica Senior e Shield (masculino e feminino): 18 maio Salou.