Todo o que sei de moral débollo ao fútbol e as escena de teatro” (Albert Camus)
O 23 de Abril celebrase o Día Internacional do Libro. En España celebrase dende 1930. A UNESCO declarouno oficial en 1995. Un día especial no que nos regalamos libros, no que proclamamos o felices que nos fan esas fabricas de soños. Coincide coas supostas datas do falecemento de Shakespeare, Cervantes e Inca Garcilaso de la Vega en 1616, o que se ven chamando un mal día. Precisamente Shakespeare foi o primeiro gran escritor que falou do fútbol. Fíxoo dun xeito despectivo, en “O Rei Lear” (1604) O Conde de Kent chámalle “vil xogador de fútbol” a Osvald, un personaxe negativo, o criado de Goneril, a filla máis vella de Lear, a que axuda nas súas traizóns. Iso era para Shakespeare un “xogador de fútbol” Neses tempos o que se entendía por “xogar ao fútbol” era unha actividade perigosa na que se enfrontaban veciños dunha aldea contra outra, con algo parecido a un balón feito de vexiga polo medio. Contan que no século XVII morría en Inglaterra máis xente xogando ao fútbol que loitando con espadas, sen haber unha guerra polo medio, claro. Cervantes e Shakespeare falan nas súas obras dos antecesores do tenis, esgrima, tiro con arco, lanzamento de peso (pedras) ou mesmo do xadrez, xogados coma diversión, o que hoxe poderíamos considerar facer deporte.
E dende aquela, coma todo na vida, hai escritores, artistas, aos que non lles gustan os deportes e outros que gozan con eles. Hai moitos e moi bos relatos, libros de ficción e non ficción sobre os deportes. Mesmo grandes poemas e cancións. Non sei onde lin que Garrincha é o futbolista que inspirou máis cancións e poemas, máis incluso que Maradona. Eses regates imposibles, ese fútbol da rúa, merecen ser cantados por poetas durante moitas xeracións.
Eu coma lector, coma persoa que é feliz grazas aos libros, coma persoa feliz vendo fútbol e outros deportes lin a autores imprescindibles que escreben sobre o deporte, tamén sobre a vida. Comecei citando a Camus, un dos meus escritores preferidos, gran porteiro de fútbol, que di que do fútbol aprendeu de moral. Eu aprendín moito léndoo a el e fíxome feliz.
Fun feliz lendo El Combate de Norman Mailer, que conta coma ninguén un dos combates de boxeo máis famosos de todos os tempos, o Ali-Foreman en Kinshasa en 1974. Un libro que axuda a entender a gran figura de Muhammad Alí, posiblemente o deportista máis grande do século XX, o relato dun gran atleta e unha persoa extraordinaria que transcendeu máis alá do deporte. Arthur Conan Doyle e Jack London teñen grandes relatos sobre o boxeo. Sendo “Por un Bisteck”, un relato sobre un vello boxeador, un dos meus relatos preferidos.
Moitos escritores escribiron sobre deportes, sobre o que representou nas súas vidas, os seus valores. E eu lin a moitos e resúltanme imprescindibles. Moitos escribindo grandes crónicas ou ensaios: O xa citado Albert Camus, Vazquez Montalbán, Eduardo Galeano, Nick Hornby, que en “Fiebre en las gradas” cóntanos a súa historia de amor co Arsenal, na que nos pódemos ver representados calquera que na nenez namorou do seu equipo de fútbol e segue con ese amor toda a vida. O gran Gonzalo Suárez, que co seu seudónimo Martin Girard escribiu coma ninguén sobre fútbol, imprescindible “La suela de mis zapatos” coas súas crónicas, para min mellores que as de Mailer. Pasolini, zurdo de pe e de corazón, que escribiu sobre fútbol e ciclismo. O gran Enric González en “Historias del Calcio” axúdanos a coñecer Italia ao través do seu fútbol. David Peace en “Maldito United” fai unha gran novela sobre os corenta e cinco días que Brian Clough adestrou ao Leeds United. E moitos máis.
Moitos escritores e escritoras contáronos que non poderían entender a súa vida sen o deporte. Murakami escribe sobre o atletismo na gran “De que estou a falar cando falo de correr”. O boxeo era das cousas das que Hemingway estaba máis orgulloso. Agatha Christie foi unha das primeiras surfistas da historia, chegando a dicir nas súas memorias, si tivo tempo a escribir as súas memorias, “que o momento cume do día chegaba cando corría cara a praia para facer surf.
Moitas películas falan de fútbol, para coñecelas non hai mellor que “Fútbol y cine: El balompié en la grada” de Carlos Marañon, o fillo de Marañón do Espanyol. Cando es fillo de algúen coma Marañón, sempre serás o fillo de. Moitos artistas visuais utilizaron os deportes para as súas obras. Tamén na Coruña. imprescindibles os ciclistas do gran Jorge Cabezas. O Deportivo tamén está moi unido á arte, Francisco Llorens pintou en 1911 ao xogador Virgilio Rodríguez que chegou ser o socio máis antigo do Deportivo, historia do equipo. Ogallá algún día ese cadro estea no Museo do Deportivo, pero esa é outra historia.
Falabamos da descrición tan negativa que Shakespeare facía dun “xogador de fútbol”. Pero tamén foi o primeiro escritor que falou de “fair play”. En “A Tempestade” (1610) Miranda, a protagonista, chama “fair play” a facer o correcto.
Por moitos anos de grandes crónicas deportivas, novelas, arte e fútbol. E sempre con “fair play”. E a nosa vida será mellor.