Graduado en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e en Ciencias do Deporte pola de A Coruña, Gabriel Pita é unha das voces máis autorizadas para falar da crise de identidade experimentada polo RC Deportivo nesta segunda volta.
Extraballador do propio clube coruñés na era de Clarence Seedorf, Natxo González e Pep Martí, ademáis de seareiro deportivista, este cambrés de 29 anos analiza o estado de ansiedade actual do plantel herculino e aporta unha amplia gama de pautas e consellos para acadar un ascenso que aínda ve moi factible.
Que experiencias máis importantes tiveches na túa andaina profesional?Estiven traballando no mundo do fútbol, en concreto no RC Deportivo, as temporadas 17-18, coincidindo coa chegada de Clarence Seedorf, e despois tamén con Natxo González e con Pep Martí; estiven no primeiro equipo e tamén no cadro feminino e nas categorías inferiores do Depor.
Que lembranzas tes destes anos?Gardo un recordo moi bo porque foi a miña primeira grande experiencia no fútbol profesional; eu era moi novo, so 25 anos, e para min foi unha oportunidade moi boa. Tanto con Seedorf como con Natxo a relación profesional foi excelente e, a nivel personal, con Seedorf levábame moi ben porque era un adestrador que manexaba todas as variables que inflúen no rendemento, estaba moi preocupado pola parte psicolóxica, pola nutrición... por todos os aspectos que non son directamente futbolísticos. Ao final resulta o de sempre, que se non entra o balón e os restultados non chegan...
Como era o teu día a día no cadro coruñés?Traballaba como psicólogo, sempre baixo as directrices dos adestradores. No primeiro equipo facíao cos xogadores, estaba con eles nos adestramentos e despois de xeito individualizado, cos xogadores que precisaban axuda ou nos que eu detectaba algunha posibilidade de mellora.
Consideras que o futbolista ten máis presión na historia máis recente que antes?A presión é algo completamente subxectivo da persoa que a sente. A impresión que sente un profesional está sobredimensionada pero non se afasta tanto da mesma de outro deportista de nivel inferior. A percepción de perigo que tes nese momento no que saltas ao campo é unha interpretación do noso sistema nervioso de que hai unha ameaza e que é independente do contexto.
Que estratexias manexas para que o deportista sinta menos presión, medo ou ansiedade que merman o seu potencial?O primeiro é explicarlle por que se produce unha resposta de estrés. Básicamente o noso sistema nervioso responde a ameazas, perigos... O futbolista non se enfronta a un león que o quere comer pero pode sentir aumento da frecuencia cardíaca, da tensión muscular, reducción da visión periférica... Son síntomas que non lle benefician para nada á hora de tomar decisións ou percibir estímulos externos. Despois debemos identificar os factores que provocan estas mostras de estrés. Cada persoa é un mundo e percebe ameazas de xeito diferente.
Todos os xogadores son receptivos á hora de aceptar os vosos consellos?Sorprendinme positivamente porque moitas veces na sociedade asóciase a psicoloxía á psicopatoloxía cando non é así nin moito menos. A porcentaxe de xogadores reacios ao noso traballo é mínimo.
No caso do Deportivo, como se pode explicar unha metamorfose tan espectacular entre a primeira volta e a segunda a nivel de xogo e resultados?Desde fóra eu creo que non houbo un cambio tan abismal, como profesional e como seguidor do equipo tamén creo que foi un cambio progresivo. O Depor encadeou bos resultados nos últimos minutos antes de comezar a perder, pero o rendemento non era o óptimo. O baixón non é unifactorial, hai un compoñente técnico-táctico e outro psicolóxico, que queres estar sempre no máis alto nivel no que estiveches en case toda a primeira volta.
Que lle recomendarías agora mesmo á plantilla?Non me gusta moito facer recomendacións; o único que podería decir é que nesta situación calquera equipo que estivese como o Deportivo debería reorientar o obxectivo. Quedan xornadas e temos tantos puntos, hai que reorientarse de cara á fase de ascenso.
Na túa opinión, tanto o equipo como o seu entorno deben perder o pánico ao ‘playoff’?Considero que si, non dou por feito que esto non sexa xa así; se vas nunha carreira todo o tempo na primeira posición e comezas a ser adiantado non é sinxelo asumir que a segunda praza pode ser boa. Hai que facer un reaxuste entre as expectativas e a realidade. O ‘playoff’ pode favorecer ao Deportivo, debemos pensar en ser os mellores da fase do ascenso e reforzar a autoconfianza do equipo. O adestrador debe lembrarlle ao grupo os éxitos conqueridos na primeira volta. É posible repetilo.
Adestradores que están no fío na navalla como Borja Jiménez son os primeiros en sentirse condicionados pola presión que deben aturar?Na miña experiencia como míster, que tamén o fun en diferentes categorías, penso que o adestrador percibe continuamente a ameaza porque é o máximo responsable e o encargado de tomar as decisións. O xogador ten un nivel de implicación menor normalmente. Os adestradores asumen esta responsabilidade. Hoxe en día na sociedade do cambio os clubes, afeccións e prensa teñen moita menos paciencia. Moitas veces no cambio está o agravamento do problema, non a solución. Eu revisaría cantos cesamentos porcentualmente melloraron a situación dos equipos.
Ves capacitado ao míster para continuar no cargo?Si, pero o outro día por exemplo dixo que a solución aos males do equipo era traballar máis e eu penso que non é tanto iso como o feito de traballar mellor.
Ian Mackay confesou nunha entrevista a este medio que o aprazamento do Depor-Racing —despois de cinco triunfos seguidos do Depor— fíxolles dano moral...Hai dúas partes, viñas dunha serie positiva ou ‘estado de flow’, de rendemento moi bo; pero agora ben, ás veces facemos análises a posteriori de feitos que ocorren. Se o Depor gaña o partido contra o Racing probablemente estaríamos falando doutra cousa e non pesaría tanto o aprazamento.
Consideras que no Depor falta a figura dun líder de vestuario, capaz de infundir ánimos e asumir responsabilidade en intres de máxima tensión?Realmente é algo que non o sei porque debería coñecer o grupo por dentro para facer esas aseveracións. Todo grupo necesita un líder para axudar ao grupo. Un líder de tarefa e un líder de grupo, encargado de fomentar a sintonía entre todo o colectivo. Estou seguro que no Deportivo hai persoas que exercen esa labor. Non ten por que ser so unha persoa, poden facelo varios xogadores. Debe haber unha boa xestión do grupo e que se repase o bo que foi capaz de realizar para crer nas posibilidades de éxito de cara ao futuro. l