Outro partido que se lle escapou ao Sofán. Adiantouse dúas veces ante o Arzúa pero non pasou do empate. Iván, o xogador con máis experiencia en Terceira dos sofanistas, analiza a situación do seu equipo.
Ante o Arzúa, o Sofán fixo o 1-0 e o 2-1 pero non conseguiu os tres puntos. “Adiantámonos ata en dúás ocasións, algo que non acostumamos a facer esta temporada. Faltounos pechar o partido antes, por exemplo na ocasión que tivemos de Alexandre na primeira parte. Calquera erro ou despiste págase moi caro, é algo que nós non podemos permitirnos”, explicou Iván.
O lateral dereito sofanista comenta que “os cambios de Chollas déronlle outra imaxe completamente distinta ao seu equipo. Nós tamén estivemos ben, pero non tanto como na primeira parte. Non sufrimos en exceso na segunda a pesar do ímpetu do Arzúa por empatar. Os tres puntos deberían quedar no Carral pero non puido ser”.
Iván fixo o 2-1 para o Sofán. Non marcaba un gol desde novembro de 2018. “A sensación foi de alivio. Levaba varias xornadas intentándoo con ocasións moi claras non chegaron a materializarse. Esta entrou e serviu para rescatar un punto. Alégrome non por min senón sobre todo polos meus compañeiros e o corpo técnico, que estamos traballando moi duro e cun ambiente de dez”.
O defensa larachés recoñece que, a nivel persoal, “estanme respetando as lesións, cousa que o ano pasado non aconteceu, e estou disfrutando de bastantes minutos. Salvo nas duás primeiras xornadas e a anterior en As Somozas por sanción, xoguei tódolos encontros. Teño que estar contento e agradecido ao mister por contar conmigo, xa que o ano pasado foi difícil para min”.
Iván é o futbolista do Sofán con máis partidos en Terceira. “Trato de ser un máis. Creo que aporto moito compañeirismo ao vestiario. Nunca unha mala palabra a ninguén, sempre intentando axudar aos compañeiros e adestrando o mellor que podo. O corpo técnico pídeme o mesmo que ao resto do equipo: traballo e moita confianza en nós mesmos. No meu caso, creo que podo actuar en varias posicións dentro da defensa, polo cal sempre intento cumplir onde me toque”, apunta o zagueiro.
O goleador ante o Arzúa subliña que “o fútbol decídese nas áreas e non podemos encaixar tanto. Marcamos moitos goles pero tamén encaixamos moito. É algo no que Alberto incide”.
E conclúe: “Este vestiario é un dos mellores nos que estiven e, unido ao ben que nos trata a directiva, fai que o equipo se atope ben animicamente e que adestre con todo o que ten querendo revertir a situación".